Wednesday 15 de May de 2024

O luns remata o prazo para solicitar as bolsas escolares e as axudas da EIM convocadas polo Concello de San Sadurniño


Quedan poucos días para presentar as solicitudes das bolsas de estudos e para servizos de conciliación na escola infantil municipal que convoca o Concello. A dotación orzamentaria ascende a 25.000 euros -2.000 para casos de emerxencia- e destas axudas poden beneficiarse os nenos e nenas que cursen estudos obrigatorios ou 2º Ciclo de Educación Infantil no centro público de San Sadurniño ou concellos limítrofes, os rapaces e rapazas de bacharelatos, ciclos ou titulacións universitarias fóra do municipio e, por último, tamén aquelas criaturas matriculadas ou admitidas na EIM neste curso. O prazo de presentación da documentación remata este luns que vén, 15 de febreiro.

Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros, aínda que este ano introdúcese a novidade de dividir a contía en dúas partidas específicas. Así, para bolsas dirixidas a gastos de estudos obrigatorios e 2º ciclo de primaria hai unha dotación de 5.000 euros e a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de base liquidable da súa renda anual correspondente ao exercicio 2014.

No caso dos estudos postobrigatorios a partida total ascende a 10.000 euros e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e que, polo tanto, tamén é maior o esforzo das familias para custear os estudos dos seus fillos e fillas. Para acceder ás axudas a renda familiar máxima non deberá superar os 18.000 euros de base liquidable/ano.

Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos nesta convocatoria valoraranse o número de membros que formen parte da unidade familiar -máis puntos canto maior sexa a unidade familiar-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda.

Axudas para familias usuarias da Escola Infantil
As axudas para servizos de conciliación volven ir dirixidas exclusivamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal no curso 2015/2016. A partida total é de 8.000 euros e o acceso ás axudas está condicionado a que a renda familiar non supere os 25.000 euros de base liquidable.

A contía da bolsa poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla dependendo, iso si, do número de solicitudes admitidas. As valoracións faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -de novo a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia.

Ás axudas da EIM poderán acollerse tanto as familias que teñan criaturas xa matriculadas no centro como aquelas ás que se lles confirme a admisión durante o periodo de solicitude da bolsa. Igual que no resto de axudas o prazo para presentar as solicitudes remata este luns, 15 de febreiro.

Cubertas as prazas da EIM no tramo de idades de 2 a 3 anos
En relación co funcionamento da Escola Infantil Municipal, o departamento de Igualdade acaba de informar de que para este curso -2015/2016- xa está cuberto o cupo de admisións nas idades de 2 a 3 anos. Trala última confirmación de reserva de praza o centro -que ten capacidade para 38 nenos e nenas- contará con 32 matrículas. Quedarían libres polo momento 3 prazas para idades comprendidas entre 0 e 1 ano e outras 3 para idades de entre 1 e 2 anos.

O periodo de admisións para o curso que vén -2016/2017- abrirase no mes de marzo con dous periodos diferenzados: do 1 ao 15 para a solicitude de reserva de praza para aquelas crianzas que xa estivesen matriculadas neste curso e do 16 ao 31 para as solicitudes de novo ingreso.